O BNG interésase pola falta de accesibilidade do Centro Cívico de Monelos

O BNG interésase pola falta de accesibilidade do Centro Cívico de Monelos

A Coruña, 27 de novembro de 2012.- A concelleira María Xosé Bravo vén de presentar unha pregunta para a resposta escrita en que se interesa pola falta de accesibilidade do Centro Cívico Municipal de Monelos. A edila nacionalista pon de manifesto que o centro cívico non é accesíbel para as persoas con mobilidade reducida, pois moitos dos usuarios e usuarias teñen que acceder ao interior desde unhas escaleiras, pois non hai pendente ningunha. A única alternativa, sinala Bravo, consiste en dar a volta ao edificio, en ocasións pola estrada, poñendo en risco a seguridade dos e das usuarias.

"Cónstannos que o Goberno municipal é consciente desta circunstancia, pois a Asociación de Discapacitados Independentes da Coruña (Adincor) así llo fixo saber ás concelleiras de barrio", apunta. Nesta liña, a edila do BNG pon de manifesto que ás concelleiras de barrio do PP prometeron hai dous meses, durante a precampaña electoral, que enviarían, de inmediato, os técnicos municipais para acometeren as obras para garantir a accesibilidade.

Neste contexto, Bravo pregunta como xustifica o Goberno municipal a tardanza na realización destas obras fundamentais para que a maioría dos e das usuarias, que son persoas maiores ou con dificultades de acceso, poidan acceder ao centro cívico. Ademais, no caso de seren causas técnicas as que determinaron a tardanza, pode especificarnos concretamente cales son e por que non informaron delas as persoas usuarias do centro.

Sinalización do centro cívico de Eirís

Pola outra banda, Bravo tamén presentou un rogo para que se sinalice correctamente o centro cívico de Eirís tanto en rúas de acceso ao barrio como no propio barrio. Esta iniciativa xurdiu despois de que veciños e veciñas de Eirís, así como membros da entidade veciñal do barrio, lle transmitiran ao BNG a necesidade de sinalizar o centro cívico.

Por último, a concelleira nacionalista esixe melloras no programa de actividades dos centros cívicos municipais, máxime tendo en conta que, segundo os datos da liquidación dos orzamentos de 2011, o Goberno do Sr. Negreira deixou de executar 100.749 euros en actividades para estes centros.

 

O BNG interésase pola falta de accesibilidade do Centro Cívico de Monelos