O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016

O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016

A Coruña, 1 de febreiro de 2016.- Despois do anuncio do PSOE de deixar en suspenso a negociación, e logo do cruzamento de acusacións entre o Alcalde e o portavoz do Grupo Municipal Socialista que hoxe recollen nos medios de comunicación, as nacionalistas consideran que ningún dos dous grupos parece ser consciente da gravidade de prorrogar os orzamentos antisociais do PP.

Avia Veira: “A ruptura das negociacións entre o Goberno municipal e o PSOE sobre os orzamentos é nefasta para a cidadanía, porque implica manter prorrogados indefinidamente os orzamentos do PP e evita que se poidan aplicar políticas novas”

“Estamos xa en febreiro e seguimos sen orzamentos para o 2016. Esta situación impide aplicar políticas sociais novas dirixidas ás persoas, que loiten contra a pobreza desde os servizos sociais públicos, que nos fagan avanzar na igualdade de xénero, que melloren a vida dos barrios, que apoien o pequeno comercio e os mercados municipais, que reforcen os servizos públicos” sinala a concelleira Avia Veira.

Para o BNG, este intercambio de declaracións entre a Marea e o PSOE amosa un maior interese pola teatralidade que polo diálogo e o traballo serio para cambiar as políticas implantadas polo PP nos orzamentos de anos anteriores.

Alén disto, o Bloque insiste en que a prórroga dos orzamentos está a provocar que as entidades sociais pendentes dos seus convenios vexan en risco as súas actividades programadas para este ano, ou mesmo a continuidade do seu proxecto asociativo. As nacionalistas exemplifican co caso da Federación Provincial de ANPAS que chegou a estar nunha situación comprometida e mesmo a ter serias dificultades para manteren a súa oferta de actividades extraescolares.

«Esta situación solucionarase mañá porque a Xunta de Goberno Local vai autorizar o gasto para un novo convenio, mais non se pode continuar con improvisacións nin parches durante todo o ano. As coruñesas e os coruñeses precisamos uns orzamentos novos para políticas novas», conclúen as nacionalistas.

 

Artigos relacionados:

O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016