SOTO PROPÓN QUE MENTRES DUREN AS OBRAS DE REPARACIÓN AS CRIANZAS PODAN IR Á ESCOLA DE MONTE ALTO
O BNG insta o Goberno Local a que actúe xa ante os danos causados polo temporal na escola infantil Luís Seoane
O concelleiro do BNG David Soto interésase, por medio dun feixe de preguntas por escrito, polos danos causados polo temporal na Escola Infantil Luís Seoane e que obrigaron ao fechamento do centro este venres 30 de xaneiro.
Soto pide que, até que se reparen, as nenas e os nenos da Luís Seoane podan ir á escola do Mercado de Monte Alto.
“Na tarde do xoves 29 de xaneiro, o temporal de vento e chuvia causou danos no tellado da escola infantil Luís Seoane”, refire Soto na súa iniciativa. “De acordo coa información fornecida polo propio centro, os bombeiros desprazáronse para avaliar os danos e hipotéticos riscos”, engade.
Como é lóxico, o centro estivo fechado este venres para garantir a seguridade das crianzas. “As nais e pais agardan unha rápida reparación dos danos, mais tamén que, mentres isto se produza, as súas nenas e nenos podan continuar a iren á escola” , remarca Soto.
Para o BNG, a solución máis doada é que se habiliten espazos para elas e eles na escola infantil do mercado de Monte Alto, que se acha na mesma rúa que a Luís Seoane. “Cumpre lembrar que mentres a escola do mercado non estivo operativa durante a reforma dese equipamento as nenas e nos nenos nela matriculados puideron acudir á Luís Seoane”, resalta.
Soto quere saber que avaliación de danos e riscos fixo a unidade de bombeiros desprazada ao Luís Seoane, que prazos baralla o Goberno Local para a completa reparación dos danos e o retorno á normalidade no centro e se o Goberno Local vai habilitar espazos na escola infantil do mercado de Monte Alto para as crianzas do Luís Seoane poderen ir alí mentres non concluír o arranxo dos estragos causados polo temporal.