Luz verde definitiva a uns orzamentos bos para A Coruña e que satisfan as prioridades marcadas polo BNG
Son -argüíu Jorquera durante a súa intervención- uns bos orzamentos e dan satisfacción ás prioridades marcadas polo BNG durante a súa negociación co Goberno Local.
En efecto, conxelan as taxas, recuperan os orzamentos participativos e devólvenlle ao Pleno as competencias para aprobar calquera mudanza orzamentaria que atinxa os anexos de subvencións nominativas e de investimentos.
Alén diso, reforzan e melloran as políticas de vivenda -ao outorgar máis recursos para EMVSA ser unha verdadeira empresa municipal de vivenda-, reforzan o Plan de Barrios 2025-2027 -cuxa orixe está no programa introducido nos orzamentos de 2024 a proposta do BNG- e aseguran dotación suficiente para regularizar aqueles servizos públicos (singularmente o do transporte público urbano e o da planta de tratamento de residuos) que aínda se están a prestar en precario.
Os orzamentos tamén contemplan compromisos de dinamización económica, apoio ao comercio de proximidade e aos mercados municipais, impulso ao turismo sustentábel, ao tempo que se promoven programas de reforzo das políticas de benestar social, igualdade, cultura, deporte, medio ambiente, mobilidade, espazos verdes, accesibilidade e promoción da lingua galega.
Jorquera avanza que o BNG toma nota para no posíbel atender no futuro as alegacións formuladas ás contas por entidades sociais e que non se incorporan neste trámite ás contas porque os recursos son finitos
Canto ao acordo político que acompaña estes orzamentos, Jorquera puxo en destaque o compromiso para impulsar as accións xudiciais que deben levar á recuperación da Casa Cornide e a determinación de aplicar de vez a Lei de Memoria Democrática no que ten a ver coa retirada de honras e distincións a persoas vinculadas ao golpe fascista de 1936 e á ditadura franquista.
Alegacións
O Pleno aprobou o ditame dos orzamentos, un documento que incluía algunhas das alegacións formuladas ás contas do concello.
Non foron incorporadas todas aquelas asinadas por entidades sociais porque, remarcou Jorquera, “os recursos do Concello son, como é lóxico, finitos”.
Porén, o BNG, comprometeu o voceiro nacionalista, toma nota cara atender no futuro, na medida de posíbel, estas demandas.
“De feito, varias das entidades alegantes xa experimentan nestes orzamentos melloras nos seus convenios, nalgúns casos a proposta do BNG”, salientou.
En todo caso, o número de alegacións formuladas foi máis ben exiguo, “síntoma de que estes son uns bos orzamentos que responden ás necesidades das coruñesas e dos coruñeses”.
Nese sentido, é especialmente significativo que non se presentase ningunha alegación ás ordenanzas fiscais. “Síntoma neste caso”, anota, “de os bulos do PP teren tido pouco éxito. Porque o PP falou de que se subían os impostos, cando é mentira”.