O BNG insta o Goberno a que lle exixa a Malvecín a subrogación dos traballadores da área canina
A Coruña, 11 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG, que levou onte a Pleno un rogo oral para apoiar as demandas dos ex-traballadores da Sociedade Cooperativa Limco e reclamarlle ao Goberno do Sr. Negreira que sacase a concurso o contrato de mantemento da área canina de Santa Margarida garantindo a subrogación dos traballadores, tivo acceso hoxe a unha resolución do Concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, pola que se lle adxudica este servizo á empresa Malvecín S.L. mediante un contrato menor.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno local, no canto de sacalo a concurso público, adxudique este servizo a través dun contrato menor, por moito que llelo permita a lei, porque tivo a opción de manter o servizo durante os tres anos completos, até o 7 de febreiro deste ano, co tempo suficiente para sacar a concurso público e aberto, como se fixera anteriormente, o mantemento da área canina de Santa Margarida e estabelecer nos pregos das cláusulas administrativas a subrogación do persoal que anteriormente exercía ese servizo.
O BNG da Coruña considera que se trata dunha circunstancia especialmente grave dado que se trata de persoas cunha dificultade específica para atoparen emprego e demándalle ao Goberno Municipal que lle esixa á empresa Malvecín que subrogue as persoas que traballaban nese servizo até o 31 de decembro de 2013, contratadas mediante un contrato especial para persoas con discapacidade.
Se for real o compromiso do Goberno do Partido Popular coas persoas con discapacidades, particulparmente coas mulleres, e coa loita contra o desemprego nesta cidade, teríase movido en primeiro lugar para que estas persoas non chegasen a ser despedidas e agora mesmo estaría movéndose para que fosen subrogadas pola nova empresa contratada, concluiron as nacionalistas.