O BNG insta o alcalde a abandonar a película do espectáculo das Tall Ships Races ou de Laponia
A Coruña, 28 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia amosa a súa preocupación pola xestión dos cartos públicos que fai o Goberno do Sr. Negreira que, á vista da política de foguetes de artificio que desenvolve, non parece ser consciente da realidade que estamos a sufrir, con niveis de desemprego en máximos históricos, afectando o paro a máis de 22.900 coruñeses e coruñesas, con recortes en servizos e prestacións sociais, educativas e en dereitos da cidadanía. Así, o BNG insta o Goberno municipal a abandonar a política de Tall Ships Races e de Laponias coruñesas para se centrar, dunha vez, nas necesidades reais da cidadanía, que distan de ser unha regata de veleiros ou un poboado lapón.
No que ten a ver coa Tall Ships Races o BNG, que tivo acceso ao expediente da regata, sinala que o custo total que asumiu o Concello da Coruña foi de 405.914,86 euros para tres días de regata, un gasto que provocou que o Goberno municipal tiver que aprobar un modificativo de crédito en agosto. A esta cantidade habería que engadirlle os 102.510,40 euros do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña. Os nacionalistas lembran que só en publicidade e propaganda para este evento o Goberno do Sr. Negreira dilapidou 231.905,80 euros.
O BNG considera que actividades como a Tall Ships Race son positivas para a cidade, mais sempre e cando se faga un uso racional dos recursos públicos. De aí que insten o Goberno municipal a optimizar cada céntimo en eventos coma este.
En vez de axudar o comercio, o Sr. Negreira imita os seus alcaldes colegas en Valladolid, Palma ou Madrid, que tamén instalaron poboados navideños
No que respecta á Laponia coruñesa, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira vaia dilapidar 72.000 euros na montaxe dunha ridícula poboación navideña que non axudará a reactivar a actividade comercial. Nesta liña, os nacionalistas critican que o Sr. Negreira renuncie a axudar o comercio tradicional e se dedique a imitar os seus alcaldes colegas, tamén do PP, que tamén instalaron poboados navideños nas prazas maiores Valladolid, de Palma ou de Madrid.