O BNG exixe unha solución ao solar abandonado da praza Almirante Romai
A Coruña, 11 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas escritas sobre o solar da praza Almirante Romai que se atopa entre os números 4 e 5. Este terreo foi excavado hai xa tempo para construír mais, posteriormente, abandonouse a súa construción e creouse unha enorme balsa de auga que foi apodrecendo e enchéndose de bichería e refugallos. Hai un ano, procedeuse ao baleirado do solar; porén, ao pouco tempo, volveu formarse esta caste de piscina e iniciouse, de novo, o proceso de apodrecemento.
O Bloque trasládalle ao Goberno do Sr. Negreira a preocupación dos veciños e veciñas da praza Almirante Romai e da rúa San Roque de Afora, dado que a podremia da balsa, chea de insectos e refugallos, é un auténtico foco de infección. Así, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle que medidas está a tomar o Concello respecto a situación, que é coñecida polas reiteradas denuncias da veciñanza e das nacionalistas. Tamén pregunta se ten pensado exixirlle á empresa propietaria que proceda á limpeza do solar e mais o amaño definitivo do solar, para evitar problemas de salubridade aos veciños e veciñas.