O BNG exixe no Congreso a restitución do tren de colectores no porto da Coruña
A Coruña, 30 de xullo de 2014- A instancias do Grupo Municipal do BNG, a deputada nacionalista Rosana Pérez vén de presentar no Congreso dos Deputados unha batería de iniciativas nas que lle exixe ao Ministerio de Fomento que restitúa o servizo ferroviario de colectores no porto interior da Coruña, despois de que decidira suprimir o pasado mes de maio o tren semanal de transporte de colectores desde a terminal de San Diego. Ademais, a deputada do BNG insta a Fomento a garantir o tráfico de colectores vía camiños de ferro mentres siga sen existir conexión ferroviaria no porto exterior de Punta Langosteira e empraza o Ministerio a acelerar a tramitación para que o porto exterior conte canto antes con conexión ferroviaria.
A través dunha proposición non de lei, froito das conversas do BNG coa CGT, a deputada nacionalista cualifica a supresión do tren de colectores de tremendamente prexudicial para o porto da Coruña, para os sectores económicos que desde alí operan e para a cidade no seu conxunto e advirte de que provoca que o desenvolvemento portuario se vexa impedido. Tamén sinala que a decisión do Goberno central do PP, adoptada cando o porto exterior de Punta Langosteira segue sen estar conectado vía férrea, mata as posibilidades operativas do porto interior como entrada e saída de mercadorías de colectores.
O Bloque denuncia nestas iniciativas, que tamén inclúen unha serie de preguntas para a resposta escrita, que o desmantelamento do ferrocarril público por parte do PP pretende darlle a entrada aos operadores privados nun proceso de privatización altamente prexudicial para o transporte de mercadorías e de viaxeiros e viaxeiras. De feito, o BNG pon de manifesto que o tráfico de mercadorías en Galiza se sitúa a día de hoxe entre 4 e o 5% mentres que a media estatal se sitía entre o 20 e o 25%, segundo os datos achegados polos representantes dos traballadores e traballadoras.
Ademais, Rosana Pérez salienta nas iniciativas que os portos son competitivos desde o punto de vista comercial se contan con tráfico de colectores de ferrocarril e reprende o Partido Popular por deixar morrer este servizo no porto da Coruña. Sinala que a día de hoxe o tráfico ferroviario de colectores era moi testemuñal, ao reducir Fomento o número de trens que prestaban este servizo. De un tren ao día, pasouse a tres trens á semana, despois a un á semana e, finalmente, a eliminar este servizo.