O BNG espera que a visita do Presidente da Câmara de Porto sirva para reforzar a relación coa cidade
A Coruña, 26 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego espera que a visita do Presidente da Câmara de Porto, Rui Moreira, á Coruña e a sinatura dun convenio entre ambas cidades sirva para desenvolver actividades e accións que faciliten a relación cultural, económica, turística e social entre ambas cidades nos vindeiros anos.
As nacionalistas poñen de manifesto que este encontro debería valer para ir traballando xa no achegamento entre o pobo galego e o pobo portugués, como lembranza do pasado común, e para dinamizar a cultura portuguesa na Coruña, ademais de reforzar as relacións coa lusofonía e de concienciar o carácter internacional do galego-portugués. Lembra o BNG a oportunidade perdida coa cidade de Guimarães, cando en 2012 era capital europea da Cultura, e o propio autarca da cidade púxose en contacto coas nacionalistas, que informaron ao alcalde, para amosar a súa dispoñibilidade para estabelecer actividades conxuntamente coa Coruña.
O Sr. Negreira, Presidente do Eixo Atlántico, obviou no encontro que o galego e o portugués forman parte do mesmo tronco lingüístico e limitou, máis unha vez, as potencialidades reais da nosa lingua
As nacionalistas botaron en falta no encontro de hoxe, no que estaban presentes os membros do Goberno municipal e concelleiros dos grupos municipais da oposición, que o alcalde, e presidente do Eixo Atlántico, non aproveitase esta visita para se dirixir ao Presidente da Câmara de Porto en galego, obviando que o galego e o portugués forman parte do mesmo tronco lingüístico e limitando, mais unha vez, as potencialidades reais da nosa lingua.
Recentemente, lembran as nacionalistas, o Parlamento de Galiza aprobou, cos votos a favor de todos os grupos parlamentares, a ILP Valentín Paz Andrade que obriga os poderes públicos a "promoverem o conhecimento da língua portuguesa e das culturas lusófonas para aprofundar nos vínculos históricos".