O BNG espera que o Sr. Negreira lle suprima o nome de Francisco Vázquez ao paseo marítimo
A Coruña, 7 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG espera que o Goberno municipal cambie de criterio e desta vez apoie a moción que vai a Pleno para lle retirar o nome de Francisco Vázquez ao paseo marítimo da Coruña, proposta que as nacionalistas xa fixeran no Pleno que tivo lugar o 16 de xaneiro de 2012.
No Pleno de xaneiro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG presentara unhas emendas a unha moción presentada polo Partido Popular sobre as inauguracións municipais. As emendas das nacionalistas, que foran desestimadas polo PP, pediran entón a progresiva eliminación das referencias persoais nas placas de lugares e edificios públicos da Coruña e reclamaran, de xeito explícito, substituír a denominación Paseo Marítimo Francisco Vázquez por Paseo Marítimo, de acordo estabelecido no Regulamento para a concesión de honores e distincións do Concello.