O BNG esixiralle ao Goberno que lle demande á empresa da área canina que cumpra cos traballadores
A Coruña, 27 de febreiro de 2014.- A edila nacionalista, Avia Veira, presentou esta mañá dúas iniciativas, unha pregunta escrita e un rogo oral (achéganse escaneadas), que levará ao Pleno do Concello da Coruña o vindeiro 10 de marzo para apoiar as demandas dos traballadores da Sociedade Cooperativa Limco, responsábel do servizo de mantemento da área canina de Santa Margarida.
No rogo oral, as nacionalistas demándanlle ao Goberno Municipal que lle esixa á empresa concesionaria Limco que se poña ao corrente dos pagamentos aos seus traballadores e que saque a concurso o servizo de mantemento da área canina de Santa Margarida, garantindo a subrogación das persoas que alí traballaban, contratadas mediante un contrato especial para persoas con discapacidades.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que malia ter a opción de manter o servizo durante os tres anos completos co tempo suficiente para sacar a concurso novamente o mantemento da área canina de Santa Margarida, o Goberno Municipal decidiu prorrogar o contrato tan só até o 31 decembro de 2013.
A edila nacionalista sinalou que esta decisión ten como consecuencias que no novo ano o servizo queda de momento sen cubrir -e sen sacar a concurso-, as persoas contratadas por Limco -cun contrato específico para persoas con discapacidades- quedan no desemprego e déixase pasar o tempo desde decembro até que se saque o concurso para eludir a obriga de subrogación da nova empresa concesionaria.
Non deixa de sorprendernos que á vez que se orzamentan 58.000 euros para a construción dunha nova área canina na partida 31.171.60900, baixe a partida 31.171.22799 coa que se pagaba o servizo de mantemento da área canina de Santa Margarida de 61.084,61 a 41.812,86 , denunciou Avia Veira.
O Goberno debe axudarnos porque temos máis dificultades que o resto das persoas para atopar un traballo
A empresa, que xa estivera o anos pasado sen pagarnos durante sete meses seguidos, non só nos avisou por fax do despedimento, senón que nos debe agora novembro, decembro, a extra de decembro e a liquidación do contrato., declarou unha das ex-traballadoras, Isabel García.
A traballadora despedida tamén engadiu que nós traballamos para unha empresa concesionaria e temos dereito á subrogación e a seguir no noso posto de traballo e agora, como non aparece ningunha empresa, o Concello parece que quere deixar pasar o tempo e escaquearse da subrogación, pero cremos que o Goberno municipal debe de axudarnos pois nós temos unha dificultade a maiores do resto das persoas para atoparmos un emprego, polas nosas discapacidades, e ademais consideramos que se trata dun servizo necesario porque desde que non estamos, a área está nun estado de abandono, cheo de paos, follas e incluso excrementos dos cadelos.