O BNG esíxelle contundencia ao alcalde e á Xunta para superar a situación actual da fábrica de armas
A Coruña, 15 de marzo de 2013.- O BNG da Coruña esixe contundencia e un paso decicido á fronte tanto do alcalde como do presidente da Xunta co fin de que o Ministerio de Defensa e o Ministerio de Industria, principais acredores e financiadores de General Dynamics, se impliquen para superar a situación actual que padece a fábrica de armas. As nacionalistas entenden que tanto o Concello da Coruña como a Xunta de Galiza teñen o deber de asumir como propias as reivindicacións dos 172 traballadores cuxo posto de traballo corre perigo.
Non é de recibo, consideran as nacionalistas, que o alcalde da Coruña se limite a emitir declaracións de intencións mentres os empregados manteñen un peche indefinido nas instalacións de Pedralonga. Tamén se amosa crítico o BNG coa actitude dócil da Xunta de Galiza, dada a calada do Sr. Feijóo cando se reuniu co Sr. Rajoy en Madrid. As nacionalistas salientan que a Xunta de Galiza debe desenvolver un papel fundamental no impulso dun plan industrial que garanta a diversificación da produción ao eido civil e que protexa, así, o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo.
Deste xeito, o BNG da Coruña empraza tanto o Goberno municipal como a Xunta de Galiza a abandonar a actitude morna que manteñen para pasar a defender con firmeza e dureza o futuro da actividade industrial en Santa Bárbara.