O BNG esíxelle ao alcalde que medie para a apertura total da planta de 25 camas do Abente y Lago
A Coruña, 6 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao alcalde que medie coa Xunta de Galiza para a apertura total da planta de medicina interna norte do Abente y Lago, conta con 25 camas, das que o Sergas só habilitou 9 no día de onte debido ás presións exercidas tanto polo persoal sanitario como polo BNG no Parlamento de Galiza. As nacionalistas sinalan que 9 camas habilitadas non son suficientes cando, na Coruña, o tempo de espera medio para unha operación cirúrxica pasou de 71,8 días en xuño a 82,9 días en setembro (últimos datos coñecidos) e cando o Sergas está a derivar pacientes á sanidade privada.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifestó que a apertura de 9 das 25 camas responde ao incremento da afluencia de doentes ás urxencias do CHUAC, ao descoñecemento do número de doentes que poden ter que ingresar, á anticipación ante a situación de caos que podería darse ante 3 festivos e 2 días de folga na sanidade e á anticipación das críticas.
As urxencias do CHUAC funcionan ao límite
As nacionalistas advirten de que as urxencias do CHUAC están funcionando ao límite todos os días. Isto demóstrase cando se produce algún pico, momento en que este servizo desborda e en que se provoca o caos. Onte mesmo, reflectiuse a imaxe de doentes agardando en sillón. Tal e como reflicten os datos aos que puido ter acceso, a situación na área de Observación era a seguinte:
Ademais, a Unidade de Pre Ingreso, na que os doentes ben permanecen mentres non teñen cama na especialidade que lle corresponde, vivía unha situación semellante á das urxencias. Así, ás 9h, a ocupación era case do 100%, con 27 camas ocupadas e 14 pacientes tiñan pedida cama na súa unidade final. Isto significa que sumados aos 5 doentes de observación das urxencias, o número total de doentes pendentes de camas ás 9h era de 19. Ás 19h, nesta unidade había 13 doentes ingresados, con 3 pendentes de cama. Sumados aos de observación, fan un total de 10 doentes pendentes de cama.
O BNG alerta do deterioramento da sanidade pública na Coruña
O Grupo Municipal do BNG alerta do grave deterioramento que sofre a sanidade pública na Coruña debido aos recortes constantes do PP nesta materia para favorecer os negocios da sanidade privada. Ao peche da planta de Abente y Lago súmase tamén o desmantelamento do edificio da Xefatura territorial de Sanidade, na rúa Gregorio Hernández, que, ao igual que o caso do Abente y Lago, xa motivou varias iniciativas das nacionalistas no Parlamento.