Carril: "O PP provoca que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser beneficencia"

Carril: "O PP provoca que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser beneficencia"

A Coruña, 29 de outubro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios sobre a rehabilitación do edificio Boandanza de Cáritas, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, cualificou como "incuestionábel" o labor das entidades benéfico sociais para tratar de corrixir as desigualdades que crea a crise. Porén, advertiu de que a existencia destas entidades, das ONGD e das fundacións privadas non é obstáculo ningún para que a Administración Pública asuma as súas propias competencias.

Nesta liña, Carril puxo de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira non está a asumir as súas competencias e deixa que sexan as entidades privadas quen asuman ese papel. "As entidades benéfico sociais están para complementar o labor das administracións públicas, e isto é o que non entende o PP, que fai que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser unha cuestión de beneficencia", sinalou. "A cidadanía pasa, así, de depender da caridade da entidade", explicou o portavoz do BNG. "Non é certo que o Goberno municipal estea a reforzar os servizos sociais, o que fai é reforzar as entidades benéficas, incorrendo nun desleixo", engadiu. "A Administración sempre ten que ir por diante", salientou Carril.

1,4 millóns de euros públicos para Cáritas

No que respecta á rehabilitación, con cartos públicos, do edificio Boandanza de Cáritas para a construción dun centro de día e dun centro social, o Grupo Municipal do BNG cualifica de "agasallo" este achega de 1,4 millóns á entidade eclesiástica e advirte de que a actuación pública sobre o centro día e o centro social fique supeditada á opinión e aos ditados de Cáritas, tal e como recolle o convenio e tal e como admitiu un responsábel da entidade en declaracións aos medios.

Ademais, os nacionalistas poñen de manifesto que a entidade eclesiástica terá o control das obras que alí se fagan e incluso da actividade futura que o concello poida desenvolver. É máis, se Cáritas non for a adxudicataria da xestión do centro, a empresa gañadora do concurso estaría obrigada a subrogar os sete traballadores que hai na actualidade.

 

Carril: "O PP provoca que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser beneficencia"