O BNG esixe a anulación inmediata e fulminante dunha adxudicación a ESYCSA
A Coruña, 7 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG despois de acceder ao expediente do contrato menor de servizos de mantemento básico das instalacións especiais do túnel de María Pita e túnel da Marina puido comprobar que a adxudicación, por un montante total de 20.878,08 euros, recaeu na empresa ESYCSA, entidade que despediu á nosa compañeira Maite Mouriño por cometer o delito de ir na candidatura que presentou o BNG en Pazos de Borbén.
O BNG esixe o Goberno municipal a anulación inmediata da adxudicación do contrato menor de servizos adxudicado a empresa ESYCSA, entidade que despediu á nosa compañeira Maite Mouriño por ir na candidatura de Pazos de Borbén
Nas pasadas elección municipais Maite Mouriño Ricón presentouse como número tres da candidatura do BNG polo concello de Pazos de Borbén. Isto motivou o despedimento por parte da empresa ESYCSA (Equipos de Señalización y Control S.A). Este despedimento constitúe un claro caso de discriminación e represión política, chegando ao extremo de someter a esta persoa a un proceso inxustificábel de espionaxe e seguimento durante a campaña electoral. Ante esta situación intolerábel, a resposta do BNG foi contundente, denunciando as practicas ilegais e reaccionarias desta empresa e presentando iniciativas nos concellos onde tivo ou ten adxudicados contratos ou concesións.
O Grupo Municipal presentou o pasado día 30 de outubro unha iniciativa na que se solicitaba a condena expresa deste Concello a esta empresa pola vulneración dos dereitos democráticos fundamentais e a súa solidariedade coa compañeira despedida
Do mesmo xeito fíxose na Coruña onde o Grupo municipal BNG rexistrou o pasado día 30 de outubro un rogo no que se solicitaba que o Goberno municipal rexeitase o comportamento antidemocrático da empresa ESYCSA, instándolle a que proceda á inmediata readmisión de Maite Mouriño, amais que expresara publicamente o apoio e solidariedade do Concello da Coruña coa compañeira despedida, así como con todas aquelas persoas que sofren calquera tipo de medida coercitiva ou represiva por exercer os seus dereitos democráticos fundamentais, como é o dereito a presentarse nunha candidatura electoral de calquera formación política independentemente da súa cor ideolóxica.
É intolerábel que unha administración pública adxudique contratos a empresas que perseguen por cuestións ideolóxicas ás súas e aos seus traballadores, sinala Avia Veira
É por isto, que o Bloque solicita ao Goberno municipal que se lle retire, de xeito inmediato e fulminante, a adxudicación do contrato menor á empresa ESYCSA por vulneración dos dereitos democráticos fundamentais das súas e dos seus traballadores e condene publicamente as actitudes represivas desta empresa.
Asina en apoio a Maite Mouriño e contra a discriminación por razóns ideolóxicas premendo aquí.