O BNG entrégalle sinaturas á plataforma contra a fraude das preferentes
A Coruña, 13 de setembro de 2012.- A concelleira María Xosé Bravo entregoulle esta mañá á Plataforma de Afectados polas Preferentes da comarca as sinaturas recollidas polo BNG da Coruña para que o berro destes estafados e estafadas chegue a Bruxelas e para reclamar a devolución íntegra dos aforros investidos.
A concelleira do BNG criticou que o Sr. Negreira eluda o cumprimento do acordo da moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación municipal de marzo na que se instaba a Xunta de Galiza a actuar para que os e as aforradoras puidesen recuperar íntegros os seus aforros, dirixíndose aos organismos competentes e ás entidades financeiras.
Bravo, que participou na concentración convocada polos afectados e afectadas, esíxelle ao Sr. Negreira que actúe en cumprimento da moción das preferentes
Bravo, que participou esta maña na concentración convocada polas vítimas desta estafa, insta o Goberno do Sr. Negreira a dar conta dos pasos que se levaron a cabo desde a Alcaldía para garantir o cumprimento do acordo da moción aprobada, a iniciativa do BNG e transaccionada polos grupos, en defensa das persoas afectadas polas preferentes.
"Non é de recibo que as persoas afectadas por esta estafa primeiro sexan vítimas dun engano masivo e que sexan expropiados polo goberno de Rajoy", sinalou Bravo. "A convalidación deste real decreto de Rajoy, que esta mañá contou co voto en contra do BNG no Congreso dos Deputados, supón unha expropiación dupla: por unha banda, a todos os contribuíntes, xa que para sanear a banca privada se van mobilizar recursos públicos que toda a cidadanía pagará con novos recortes e, pola outra, ás persoas afectadas polas preferentes, que poden ficar sen o 70 por cento dos seus depósitos", afirmou. E é que o decreto estabelece a imposición dunha quita do valor inicial suscrito que pode representar unhas perdas de entre o 60 e o 80 por cento dos cartos depositados.