O BNG empraza o Sr. Negreira a deixar de camuflar o trasvase innecesario de Meirama a Cecebre
A Coruña, 2 de setembro de 2013.- O BNG lémbralle ao sr. Negreira que deixe de camuflar o trasvase innecesario do lago artificial de Meirama a Cecebre na suposta falta de subministro ante unha posíbel sequía, xustificando así a construción do túnel que custará 10 millóns, e que non ten outro obxectivo que facer rendíbel a minicentral propiedade dunha empresa, Minicentrales Eléctricas de Galicia, na que ten intereses a concelleira de Cultura do Concello da Coruña. E é que, como lembra o mesmo Plan Seca (http://augasdegalicia.xunta.es/gl/1.1.htm) elaborado pola Xunta de Galiza, o abastecemento de auga na cidade e na comarca é suficiente. De feito, o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia.
A minicentral que xustifica a construción deste túnel de 10 millóns de euros foi negada até a saciedade polo Partido Popular, mais os enganos do PP, sinalan as nacionalistas, ficaron en evidencia logo de que a Xunta de Galiza emitira a 27.05.2013 unha resolución (achégase dixitalizada) asinada pola Consellaría de Medio Ambiente, na que lle dá luz verde á avaliación ambiental do proxecto de Mincentrales Eléctricas de Galicia para o aproveitamento hidroeléctrico da presa de Cecebre. Ademais, non consta actualmente que a empresa desestimase a solicitude de autorización da minicentral nin que Augas de Galiza declarase a caducidade da concesión.