O BNG empraza o Goberno municipal a garantir a seguridade viaria en Elviña e no Castro de Elviña
A Coruña, 18 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG continúa as visitas aos diferentes barrios da cidade para coñecer´, a pé de rúa, a problemática que sofre a veciñanza. No marco destas visitas, a concelleira Avia Veira estivo esta mañá en Elviña e mais no Castro de Elviña, acompañada pola Asociación Veciñal Os Rexumeiros, entidade que levou a nacionalista a comprobar as grandes eivas do lugar en materia de seguridade viaria, nomeadamente, os perigos que sofren os peóns.
En declaracións aos medios, a concelleira do BNG puxo de manifesto as deficiencias en materia de seguridade viaria, unhas deficiencias que poñen en risco a vida da veciñanza. Advertiu Avia Veira de que, tal e como sinala a asociación veciñal, as concelleiras de barrio son conscientes desta problemática, xa que comprobaron, in situ, os perigos viarios, mais non resolveron nada. De aí que a nacionalista criticara, unha vez máis, a ineficaz xestión das concelleiras de barrio que, en realidade, só saen de paseo, fan que toman notas e despois non adoptar ningunha medida para solucionar as deficiencias.
Neste contexto, Avia Veira sinalou que o BNG fará os deberes que deixan sen facer as concelleiras de barrio e levará a Pleno as demandas das veciñas de Elviña e do Castro de Elviña. Entre as melloras a acometer, citou a colocación dun semáforo no Souto, o arranxo dos firmes das vías, a redución da velocidade, a construción de beirarrúas nas vías principais, a dotación de iluminación pública en camiños como o da baixada de Elviña peonil ou na parada do bus que hai na estrada intercampus.
Ademais, Avia Veira denunciou a marxinación que sofren as entidades veciñais por parte do Goberno do Sr. Negreira. Así, fíxose eco das protestas da A VV Os Rexumeiros, que critica que cando un veciño ou veciña se dirixe ao Concello para solicitar algunha mellora ou para trasladar algún problema é atendido moito antes que cando se trata dunha demanda dunha entidade veciñal. De aí que a edila do BNG lle esixa ao Goberno municipal diálogo e menos sectarismo coas asociacións de veciños e veciñas.
Luís Gómez (AVV Os Rexumeiros): Mentres o Goberno municipal destina todos os cartos públicos de mantemento de viarios ao plan Rúa, que non chega a Elviña nin ao Castro, deixa no esquecemento o noso lugar
Na mesma liña, o presidente da entidade veciñal, Luís Gómez, sinalou que as melloras en seguridade que pedimos non requiren, apenas, de investimento municipal. Porén, denunciou que mentres o Goberno municipal destina todos os cartos públicos de mantemento de viarios ao Plan Rúa, que non chega a Elviña nin ao Castro, deixa no esquecemento o noso lugar.
O presidente da AVV veciñal apuntou que o único que fixo o Goberno do Sr. Negreira foi poñerlles parches ás fochancas que había nas estradas, mais non acometeu ningunha actuación para evitar os perigos que corren os peóns. Alertou, a continuación, da perigosidade de cruzamentos de vía, como é o caso do cruce do Souto, que carece de semáforos e mesmo de pasos de peóns. Tamén denunciou que os camiños alternativos ás vías que carecen de beirarrúas non están coidados.