O BNG empraza o alcalde a abandonar a política de ficción sobre Alvedro
A Coruña, 15 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta a política de ficción da Concellaría de Emprego e Turismo en relación a Alvedro. A Sra. Cid admite agora que a conexión de Air Europa a Madrid xa non está garantida; e isto, malia que o pasado 27 de novembro de 2012 tanto o alcalde como a concelleira anunciaban aos catro ventos a chegada da aeroliña a Alvedro a partir de marzo de 2013. Seguindo a política de titulares e propaganda do Goberno do Sr. Negreira, o Sr. Flores aínda o mes pasado teimaba no conto de Air Europa, a pesar de que nin sequera saíran á venda os billetes.
Non é a primeira vez que o Goberno municipal anuncia supostos acordos sobre Alvedro que non se materializan. Xa en setembro de 2012, tivemos coñecemento de que a compañía Turkish Airlines operaría desde o aeroporto de Lavacolla e non desde Alvedro, malia que tanto o Sr. Negreira como a Sra. Cid anunciaran, oficialmente, en marzo de 2012, a chegada desta aeroliña á Coruña.
O Grupo Municipal do BNG insiste en reclamarlle ao alcalde que abandone a política de ficción ao redor do aeroporto coruñés e asuma a realidade: a constante caída de viaxeiros e viaxeiras e os prezos desorbitados dos billetes pola marcha de varias compañías aéreas. Lembran as nacionalistas que no 2012 empregaron Alvedro 845.452 persoas, un 16,5% menos que no 2011 e que as operacións descenderon case un 16%. Sinalan, ademais, que voar a Madrid (desde onde parte a meirande parte dos voos cara a outros destinos) desde o aeroporto da Coruña, en que só opera a Madrid a compañía Iberia, é un 66% máis caro que facelo desde Santiago ou desde Vigo.
Ante este panorama, as nacionalistas esixen que o Goberno municipal aposte polo modelo que vén defendendo o BNG: a constitución dun sistema aeroportuario galego baseado na cooperación, equidade e complementariedade de Alvedro, Lavacolla e Peinador, co fin de optimizar os recursos e equipamentos dos tres aeroportos. O BNG insiste en que cómpre solicitarlle ao Estado a transferencia das competencias en materia aeroportuaria á Xunta de Galiza. Só así se acabará co modelo centralista e unipolar do todo pasa por Madrid e só así se poderá rachar co modelo periférico que sufrimos.