O BNG da Coruña a asistir á concentración de STOP DESAHUCIOS polo dereito á vivenda
A Coruña, 15 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña anima a cidadanía a participar a concentración convocada para mañá, sábado 16 de febreiro, por Stop Desafiuzamentos, baixo o lema "Polo dereito á vivenda". A mobilización terá lugar ás 12h na Praza de Lugo e nela participarán representantes orgánicos e institucionais do BNG na cidade e na comarca.
O BNG da Coruña presta todo o seu apoio ás accións desenvolvidas desde STOP DESAHUCIOS en defensa das persoas que son desafiuzadas. Ademais da presenza na rúa, o BNG está a levar a cabo un intenso traballo nas institucións reclamando unha solución legal urxente para o drama social que supoñen os desafiuzamentos. Precisamente, as nacionalistas presentaron unha moción no Pleno ordinario de decembro que foi elaborada conxuntamente con STOP DESAHUCIOS e con ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS. A iniciativa, que incluía medidas específicas desde o eido municipal, non puido ser debatida tras tombala o Partido Popular.