O BNG denuncia novos cortes de luz do Ventorrillo
A Coruña, 13 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha pregunta para a resposta escrita en que denuncia novos apagóns do alumeado público no Ventorrillo. Concretamente, a noite do venres, permanecían sen luz a rúa Francisco Miguel (pintor), alcalde Salorio Suárez (na súa parte baixa) e Mosteiro de Caaveiro (na súa parte alta).
A concelleira nacionalista Ermitas Valencia pregúntalle ao Goberno municipal cales son os motivos polos que estas rúas fican sen luz con frecuencia. E é que non é a primeira vez que o BNG denuncia publicamente e a través de iniciativas fallos no alumeado público no barrio do Ventorillo.
A edila do BNG esíxelle ao Goberno municipal que arranxe as deficiencias no funcionamento de alumeado público neste barrio e advirte de que se estes apagóns se dan no centro o Goberno do Sr. Negreira xa tería actuado para que non se volvesen repetir. Así, reclámalle trato por igual a todos os barrios da cidade. Se hai 600.000 euros para luces ornamentais de nadal e para manter os farois encendidos na xornada de folga xeral, haberá tamén cartos para que o alumeado publico do Ventorrillo funcione correctamente, conclúe Valencia.