O BNG denuncia irregularidades na contratación de "Calidad Divina"
A Coruña, 16 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira volve denunciar irregularidades na contratación dunha campaña da Concellaría da que é responsábel a Sra. Cid. Como xa acontecera no caso de Coruña Wapa, a campaña para promover os mercados Calidad Divina, licitada por 35.000 euros, comezou hoxe e aínda o perfil do contratante aínda non a contempla como adxudicada, tal e como pode comprobarse na web do Concello. Para a concelleira nacionalista trátase dunha mostra máis da falta de transparencia do Goberno do Partido Popular.
Ademais, Avia Veira pon de manifesto o incumprimento, de principio a fin, do cronograma da campaña. Os pregos das prescricións técnicas e administrativas recollen que a campaña tería que desenvolverse entre o 15 de novembro 30 de novembro. Así, a fase inicial de publicidade e difusión debería ter lugar entre o 15 e o 18 de novembro e a fase de desenvolvemento da campaña, do 19 ao 30 de novembro. Ademais, segundo o prego de condicións, os vales poderían empregarse para comprar nos mercados municipais durante a campaña e até o día 5 de decembro.
Tampouco cumpriu o Goberno do Sr. Negreira os prazos administrativos, pois as empresas tiñan até o 25 de outubro para a presentación de proposicións e, unha vez recibida a documentación, o Concello tiña 5 días para resolver a adxudicación; é dicir, a campaña tería que estar adxudicada a principios de novembro.
A concelleira do BNG empraza a Concellaría da Sra. Cid de abandonar a xestión escurantista e chapuceira e pídelle que se acolla aos pregos do perfil do contratante.