O BNG chama a cidadanía a se sumar á xornada reivindicativa de limpeza da ría
A Coruña, 2 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña, como membro fundador da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, chama a cidadanía a participar na xornada reivindicativa de limpeza da ría, á que se sumarán membros do Grupo Municipal do BNG da Coruña e outros cargos institucionais, cargos orgánicos e militancia. Toda aquela persoa que queira colaborar nesta iniciativa polo saneamento da ría do Burgo ten que estar ás 11h no paseo marítimo do Burgo, detrás do Xardín Botánico.
Con esta II xornada reivindicativa en defensa da rexeneración integral da ría do Burgo, as nacionalistas esixen que o seu saneamento sexa unha prioridade tanto para o Goberno central, como para a Xunta de Galiza como para o Concello da Coruña. Lembran que o Goberno de Mariano Rajoy, por segundo ano consecutivo, non dedicou nin un só céntimo dos orzamentos xerais para a limpeza da ría. Pola súa banda, tanto no Parlamento de Galiza como no Concello, o PP tomba, de xeito sistemático, as iniciativas do BNG para a rexeneración da ría e escúdase en supostos estudos cuxos resultados nunca son executados.
O BNG salienta que a ría do Burgo debería ser unha prioridade para as tres administracións. E é que a súa rexeneración crearía riqueza e postos de traballo de calidade, ao igual que o saneamento da zona da EDAR de Bens. Facéndose eco das demandas da Confraría de Pescadores da Coruña, as nacionalistas esixiron, en numerosas ocasións, un calendario de actuacións, con prazos concretos publicados no DOG e no BOE, co fin de que as promesas non ficasen en papel mollado. Ningunha destas iniciativas foi asumida polo PP, que renuncia a reactivar un sector produtivo estratéxico para a economía da cidade e da comarca.