O BNG denuncia que o fervor privatizador de Negreira o leva a externalizar a entrega de diplomas
A Coruña, 12 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá unha pregunta escrita (pe entrega diplomas) sobre unha factura da Área de Emprego á que tivo acceso, que se atopa en fase de autorización-disposición de gasto e cuxo concepto é a organización dun acto de entrega de diplomas.
As nacionalistas pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira se realmente considera que é necesario gastar 5.556,32 na externalización dunha entrega de diplomas e se ese labor de organización da entrega de diplomas non o podería ter asumido o persoal da Área de Emprego. Por outra banda, as edís interésanse polos diplomas que se entregaron nese acto e cando tivo lugar.
O BNG da Coruña denuncia así o fervor privatizador do Partido Popular e en concreto do Sr. Negreira que o levan unha vez máis ao absurdo, neste caso a externalizar incluso unha entrega de diplomas da Área de Emprego.
Por outra banda, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ao Sr. Negreira a que a súa función nos temas relativos ao Emprego sexa algo máis activa que simplemente a de acudir a un acto público como repartidor de diplomas.