O BNG denuncia que o deterioramento da praza do mercado de Monte Alto vai a peor
A Coruña, 6 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o firme da praza do mercado de Monte Alto se atopa, cada día, en peor estado. Malia o deterioramento, o Goberno do PP botou abaixo as reclamacións do Bloque aos orzamentos de 2014, reclamacións en que se atopaba, precisamente, o adecentamento desta praza, utilizada por moitas veciñas e veciños do barrio.
O Bloque denuncia que as pozas creadas cando chove duran días, o que motiva que a praza non poida ser empregada como espazo público ou que as veciñas e veciños teñan que levar pranchas de cartón para poñer baixo os pés co fin de illalos da auga. Ademais, o BNG alude ás dificultades que teñen as persoas maiores á hora de accederen ás zonas cubertas para se taparen da chuvia, das que pingotean e caen fíos de auga con continuidade, e advirte de que a zona infantil desta praza é inservíbel.
As nacionalistas critican que o PP desatenda unha necesidade tan primaria como esta, así como doutras noutros barrios da cidade. E é que son os barrios, necesitados de mantemento e investimento, os esquecidos e abandonados nos orzamentos municipais para potenciar unha parte moi concreta da cidade, o centro, creando unha Coruña de primeira e unha Coruña de segunda.