Avia Veira denuncia o desleixo do PP á hora de cumprir a nova ordenanza de terrazas
A Coruña, 02 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira denunciou esta mañá en rolda de prensa o desleixo do Goberno do Sr. Negreira ante os incumprimentos da nova ordenanza que regula a instalación de terrazas en espazos públicos, aprobada hai tan só sete meses. A nacionalista criticou que o PP permita instalar terrazas sen o permiso correspondente, cando lle constan denuncias de veciñas e veciños e cando lle consta, por suposto, que os locais non teñen permiso para instalar a súa terraza. Como mostra, salientou que en 2013 se recadaron 0 euros por instalación de terrazas, cando todas sabemos que se instalaron novas terrazas e que outras medraron desmesuradamente.
Ademais, Avia Veira puxo o acento nos problemas de accesibilidade en terrazas do centro da Coruña, calquera persoa, e nomeadamente as persoas con mobilidade reducida, ten dificultades para transitar con continuidade. Asemella que hai que practicar esquí, en concreto a modalidade de slalom. Que hai dos principios da accesibilidade universal?, preguntouse, hai até terrazas que ocupan o espazo das beirarrúas inmediatamente posteriores aos pasos de peóns.
Tamén aludiu a concelleira do BNG aos problemas que terían os servizos de emerxencia para transitar estas rúas, pois as ancoraxes e os toldos impedirían o paso. Criticou, a continuación, a dupla vara de medir do PP. Mentres boa parte das terrazas do centro dificultarían o paso aos servizos de emerxencia sen que o PP faga nada, na avenida de Oza tiráronse cartos públicos por un capricho electoral, salientou.
Outro incumprimento: segue a usarse a vía pública como almacén
Avia Veira sinalou que tampouco se cumpre a prohibición de empregar a vía pública como almacén ou espazo de depósito e amontoamento de mobiliario ou calquera outro elemento, aínda que se efectúe dentro da porción de espazo público autorizado, xa se produza dentro ou fóra do horario concedido. Moitísimos estabelecementos deixan as súas terrazas instaladas ou recollidas no espazo público fóra do horario concedido nas rúas de toda a cidade e o Goberno municipal mira cara outro lado e non aplica a ordenanza que el mesmo aprobou, denunciou.
Ademais, Avia Veira puxo de manifesto a falta de criterio que se dá coa instalación das terrazas na rúa Barcelona, unhas terrazas están no eixo da rúa e outras, pegadas á fachada; aquí todo vale. O BNG xa advertira da arbitrariedade desta ordenanza e a día de hoxe xa temos unha boa cantidade de exemplos, engadiu.
Avia Veira denuncia o caos na tramitación de licenzas e sinala que o PP non creou a comisión especial de terrazas que recollía a normativa
A continuación, a concelleira do BNG denunciou a caótica situación no proceso de tramitación e outorgamento de licenzas. Hai centos de expedientes sen resolver que se acumulan nas mesas, e iso que o Goberno do Sr. Negreira prometera un reforzo de persoal para poder acometer estas tarefas, subliñou. Dunha banda, isto provoca que o servizo, malia contar cun persoal moi profesional e adicado, se sobresature, e da outra, que algúns hostaleiros poidan aproveiten das dificultades e dos atrasos para, unha vez realizan a solicitude, instalar a súa terraza sen obter o permiso municipal, criticou.
Ademais, a concelleira do BNG apuntou que o PP tampouco cumpriu coa creación da comisión especial de terrazas, que se estabelecía na disposición adicional segunda co fin de seguir, asesorar, coordinar e controlar a aplicación e desenvolvemento da ordenanza.
Para rematar, a nacionalista aludiu ao pleno municipal de decembro, onde a edila do PP Begoña Freire non negou os incumprimentos exemplificados polo BNG nin contestou ás preguntas formuladas pola propia Avia Veira.