O BNG denuncia que continúa o abate indiscriminado de árbores
A Coruña, 31 de agosto de 2013.- A concelleira do Grupo municipal do BNG, Ermitas Valencia, logo de presentar unha serie de preguntas escritas (achégase copia dixitaliza) o pasado 23 de agosto nas que lle pide explicacións ao Goberno do sr. Negreira polo abatemento indiscriminado de árbores na primeira metade da rúa Orillamar cando estas non supuñan molestia ningunha nin a peóns nin a veciñas, nin a condutoras e presentaban un estado de conservación correcto, denuncia que se seguen a pinchar árbores nesta zona facendo ouvidos xordos ás denuncias da veciñanza.
A nacionalista comparte o malestar da veciñanza que se volveu a pór en contacto co BNG e que non entende a que se debe este abate indiscriminado de árbores en perfecto estado e que non sexan substituídas por outras árbores (nalgún caso foron substituídas por arbustos ornamentais). Tamén sinalan as veciñas e os veciños que existe algunha árbore que se está a deixar secar, o caso dun grande bidueiro, para posteriormente cortala.