O BNG denuncia que o alumnado en situación de exclusión social non vai poder usar o comedor escolar
A Coruña, 7 de marzo de 2014.-O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que a aprobación no día de hoxe, en Xunta de Goberno Local, do programa de bolsas comedor e das bases reguladoras destas, non recolle ningunha emenda das denuncias feitas durante o ano escolar por parte das nacionalistas sobre as bolsas comedor. Así, o Goberno municipal vai seguir mantendo a situación de desamparo das familias que non poden facer uso das bolsas do comedor escolar por non dispor de transporte. E é que moitas crianzas que viven en situación de exclusión social e que están escolarizados en centros públicos da cidade, como as que viven no asentamento precario da Pasaxe ou das Rañas, non poden facer uso do comedor escolar, nin da bolsa do comedor, porque non teñen transporte que os devolva ao lugar en que viven despois do comedor.
Alén disto, as nacionalistas, sinalan que o alumnado de Bacharelato e Ciclos de Grao Medio de Formación Profesional non se beneficiará das bolsas nin do incremento desta partida porque, como xa aconteceu este ano, os institutos públicos da cidade non dispoñen de servizo de comedor. E así llo recoñeceu o Goberno Municipal ao BNG, nunha pregunta realizada o pasado 26 de marzo de 2013, ao sinalar que non hai un só alumno nos centros públicos de Bacharelato e de Formación Profesional que teña bolsa comedor, sendo o alumnado de centros privados quen se beneficia destas axudas.
Tamén critican as nacionalistas que o Goberno local siga a manter no artigo 12.f das bases que o non pagamento de 2 cotas mensuais, seguidas ou alternas, por parte das familias do importe non financiado do servizo do comedor conleva a baixa inmediata, circunstancia esta difícil de entender dado a situación social e económica que moitas familias están a vivir.