O BNG demándalle ao Goberno do Sr. Negreira que non volva sacar a concurso a Feira Taurina
A Coruña, 6 de marzo de 2014.- A edila nacionalista, Avia Veira, presentou esta mañá, en rolda de prensa xunto con Rubén Pérez Sueiras, representante de Galiza, Mellor Sen Touradas, unha moción que levará o Bloque Nacionalista Galego ao vindeiro pleno do 10 de marzo.
Neste ano 2014, remataba o contrato entre o Concello da Coruña e a empresa Eventauro, organizadora da Feira Taurina, e, malia que existía a posibilidade de prorrogalo, a concesionaria xa manifestou que este non era o seu desexo e, para o Grupo Municipal do BNG, ábrese unha oportunidade para que o Goberno Municipal escolla non volver a sacar a concurso a concesión da Feira Taurina e non continuar con este evento que ano tras ano confirma o seu fracaso de asistencia sen a penas vender o 20% das entradas.
O emprego de recursos públicos para a contratación da Feira Taurina na cidade da Coruña nunca tivo xustificación nin por ningún tipo de interese cultural, pois trátase dun espectáculo violento e sanguento que nada ten a ver coa tradición cultural de Galiza, nin de sustento social, pois cada vez a rexeitan máis cidadás e cidadáns, sinalou Avia Veira.
As nacionalistas demándanlle na moción que o Goberno Municipal promova que o Instituto Municipal Coruña Espectáculos non volva sacar a concurso a organización e explotación da Feira Taurina, aproveitando a renuncia da empresa concesionaria Eventauro a prorrogar o contrato, e que non se volvan subsidiar, nin directa nin indirectamente con cartos públicos eventos destas características no Concello da Coruña.
A edila nacionalista engadiu que nunca consideramos que existise xustificación para manter con cartos públicos a Feira Taurina e menos cando a poboación está a sofrer ultimamente de xeito continuado o recorte nos servizos públicos máis básicos por iso tamén propoñemos na moción que o Goberno Municipal destine os cartos asignados para a Feira Taurina nos orzamentos para outros fins máis necesarios.
Rubén Pérez: O Partido Popular debería facer memoria do que dicía antes de estar no Goberno
O representante de Galiza Mellor sen Touradas instou o Goberno do Sr. Negreira a facer memoria e a lembrar que na campaña electoral das municipais o Partido Popular prometeu que non subsidiaría as touradas e que realizarían unha auditoría para coñecer o impacto que ten a Feira Taurina na cidade da Coruña.
Desde Galiza Mellor Sen Touradas consideramos que nestes momentos existen necesidades máis acuciantes e é que cos 185.000 que nos custou nos dous últimos anos a Feira Taurina poderían pagarse máis de 17.000 horas de Servizo de Axuda Domicilio, engadiu Rubén Pérez.
O activista antitaurino manifestou que é unha fraude e un roubo que se empreguen cartos públicos para financiar violencia contra os animais e aludiu tamén a un informe da ONU no que o Comité dos Dereitos do Neno se refería a este espectáculo violento e sobre como as administracións públicas deben apartar as crianzas e os menores deste tipo de eventos..