O BNG denuncia que 4 dos 11,45 millóns do empréstito autorizado polo Goberno van destinados á Mariña
A Coruña, 4 de abril de 2014.-O Grupo Municipal do BNG sinala que 4 dos 11,45 millóns de euros do empréstito autorizado na mañá de hoxe polo Goberno Local van destinados ás obras da Mariña.
E é que a Xunta de Goberno Local deu autorización para a concertación de operación ou operacións de empréstito pola cantidade de 11,45 millóns de euros con destino ao financiamento dos investimentos do Orzamento xeral do Concello que para o 2014. Desta cantidade, 4 millóns, salientan as nacionalistas, teñen como finalidade as obras da Mariña, nas que o Goberno do Sr. Negreira vai destinar para este ano a cantidade de 5.906.612,38 euros.
Así cáseque o 35 por cento do empréstito dirixirase a financiar este dispendio e antollo do Sr. Negreira no Parrote e na Mariña en detrimento das necesidades primarias dos barrios e das necesidades sociais da cidadanía.
E a todo isto, sinala o BNG, sen esquecer que para o ano 2015 o Concello vai tirar a casa pola xanela porque ten comprometido máis de 10,5 millóns de euros para facer efectivo o montante total global de achega municipal a estas obras da Mariña (viario soterrado e urbanización da superficie), que é de 16,5 millóns. Así, visto que o ano pasado e este ano tivo e ten que pedir senllos empréstitos para financiar estas obras, non estrañaría que o Goberno Local, o ano que vén, tivese que recorrer de novo a un empréstito, mais coa diferenza respeto de anos anteriores de que este sería maior dado que é maior o esforzo económico para financiar este dispendio (lémbrese 10,5 millóns de euros).