O BNG cualifica de despropósito a medida do PMUS para a reordenación da rede de autobuses urbanos
A Coruña, 3 de abril de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego cualifica de despropósito que a única medida para a reordenación da rede de autobuses urbanos sexa a implementación dun Plan de Calidade na Compañía de Tranvías.
O Bloque Nacionalista Galego critica que, á vez que se recoñece na diagnose que o deseño da rede de autobuses é unha das cuestións peor valoradas do transporte público urbano, nas propostas a única medida que se recolle é a implementación dun Plan de Calidade na Compañía de Tranvías como ferramenta para logo modificar o trazado das liñas de autobús cun horizonte de implantación pouco definido: corto-medio-longo prazo.
É incomprensíbel que o Goberno Municipal adíe a reorganización das liñas de autobús até dispór do Plan de Calidade da Compañía de Tranvías cando na diagnose ten recollida unha matriz de orixe/destino co número de desprazamentos entre os distintos distritos
As nacionalistas consideran que para fomentar o emprego do transporte público e reorganizar as liñas de autobús non só se debe ter en conta o que xa hai, avaliado por un Plan de Calidade da compañía concesionaria, se non o que é preciso. É por isto que se preguntan por que o Goberno Municipal non emprega a matriz orixe/destino (pax. 126 do documento de Diagnose, achégase escaneada) na que se recollen todos os desprazamentos internos na cidade entre os diferentes distritos nun día laborábel medio e para todos os medios de transporte.
Para o BNG da Coruña, ten máis sentido facer unha modificación das liñas de autobuses respondendo ás necesidades de desprazamento de todo o pobo da Coruña, o que emprega o autobús e o que non, precisamente para gañarse a xente que non emprega o transporte público urbano e promocionar o seu uso facéndoo útil que non atender unica e exclusivamente a un Plan de Calidade da Compañía de Tranvías que vai diagnosticar sobre a rede que xa hai e sobre os usuarios que xa ten.