O BNG critica a submisión de Negreira ao PP, aplaudindo uns orzamentos que renuncian ao emprego

O BNG critica a submisión de Negreira ao PP, aplaudindo uns orzamentos que renuncian ao emprego

A Coruña, 30 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña considera irresponsábel e vergoñenta a valoración institucional do Goberno Municipal sobre os orzamentos xerais, unha valoración que demostra a submisión de Negreira aos ditados do seu partido en vez de someterse aos intereses da cidadanía da Coruña. Neste sentido, os nacionalistas apuntan que non é de recibo que o alcalde aplauda a decisión do Goberno central de deixar, por segundo exercicio orzamentario consecutivo, a ría do Burgo sen un só céntimo, renunciando a unha rexeneración que crearía centos de postos de traballo de calidade na cidade e na comarca. En vez de loar os inxustos orzamentos do PP, que recortan o investimento na Coruña máis da metade respecto das contas do 2011, o alcalde debería defender ante o seu partido o impulso do saneamento da ría do Burgo e a conexión ferroviaria do porto exterior, máxime tendo en conta a sangría de desemprego.

Sobre a conexión ferroviaria do porto exterior, aínda en proxecto de estudo e para o que se consignaron uns ridículos 50.000 euros, o BNG advirte de que o Goberno central desiste de converter este equipamento nun revulsivo económico para a cidade e para a comarca. Ao renunciar ao camiño de ferro estase renunciando a que o porto exterior conte con clientes, dada a perda económica que supón non contar cun tren para transportar os graneis.

Outra das ausencias denunciadas polo BNG son as dúas actuacións previstas para O Parrote, que non reciben nin un só céntimo malia seren eses terreos propiedade do Estado. Isto significa que as obras do Parrote seguen sen ter cobertura orzamentaria, xa que agora sabemos que o Goberno central, ao igual que a Xunta de Galiza, non comprometeu fondos para executar o proxecto. Dado que o Concello carece de suficiencia financeira para facerse cargo dos cartos comprometidos no convenio coa Autoridade Portuaria, o Sr. Negreira, en vez de emitir valoracións propagandísticas e aplaudir os orzamentos do seu goberno amigo, debería explicar de onde van saír os cartos para pagar estas actuacións no Parrote, para pagarlle o agasallo a Copasa.

 

O BNG critica a submisión de Negreira ao PP, aplaudindo uns orzamentos que renuncian ao emprego