O BNG critica que a solución do PP para @s desaloxad@s do Ofimático sexa amedrentalos coa policía
A Coruña, 30 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia a persecución do Goberno do Sr. Negreira cara ás persoas que van ser desaloxadas do Ofimático. Despois das 14.30 horas, unha vez rematada a concentración pacífica que se convoca pola veciñanza boca a boca cada día sobre unha das pontes de Alfonso Molina, axentes da policía local identificaban as apenas vinte persoas que permanecían, de xeito cívico, sobre a ponte. Resulta curioso, advirte o BNG, que a policía identifique estas persoas cando non están os medios de comunicación e que non o faga cando hai testemuña mediática diante.
Os e as afectadas, que se puxeron en contacto co BNG para denunciar esta coacción, critican que o Goberno municipal quere botalos das súas casas "coma se fosémos cans" e reproban presenza policial para os amedrentar e os disuadir de facer visíbel a súa protesta. Precisamente, o único que fan estas persoas cada día é permanecer de pé nunha das pasarelas que cruzan Alfonso Molina con pancartas para sensibilizar a poboación e para facer visíbel a súa problemática.
O Grupo Municipal do BNG reproba os métodos do Goberno do Sr. Negreira para acabar coas protestas cívicas e lexítimas da cidadanía da Coruña. Así, os nacionalistas opóñense a que o Goberno municipal disuada a veciñanza, a reprenda e a coaccione coa presenza constante de axentes da policía local.
Non é a primeira vez que o Goberno do Sr. Negreira emprega a policía local con fins políticos. Precisamente, no Pleno municipal de outubro, veciños e veciñas de Durmideiras que asistían a sesión plenaria eran identificadas e desaloxadas.
Por último, o BNG anuncia a presentación dunha batería de iniciativas co fin de denunciar esta actitude intimidatoria máis propia dun déspota. Na mesma liña, os nacionalistas preguntarán por que motivo a policía local identificou os e as veciños do Ofimático que se concentraban de xeito cívico.