O BNG critica que o Goberno Local opte finalmente pola xestión indirecta dos complexos deportivos de San Diego e Castrillón
Esta decisión pasa por alto un informe previo da Empresa Municipal de Vivenda Servizos e Actividades (EMVSA), realizado por encomenda do propio Goberno Local, en que se sinalaba a xestión directa como a máis idónea para o Complexo Deportivo de Castrillón, que continúa pendente da súa apertura ao público. O informe apostaba tamén pola xestión conxunta de San Diego e Castrillón.
Este asunto comezou a se destapar onte cando a Xunta de Goberno Local decidiu, fóra da orde do día, a continuidade excepcional da concesionaria de San Diego por un mínimo dun ano, despois de que o contrato, que caducaba o 25 de maio de 2020, fose prorrogado por seis meses até dúas veces.
De acordo coa literalidade do informe que acompañou esta decisión do Goberno Local, a continuidade excepcional da concesionaria prodúcese porque “o Servizo de Deportes non ten preparada a documentación para a licitación do novo contrato”.
“Estamos ante unha nova demostración da falta de planificación deste Goberno Local”, avalía Francisco Jorquera. “O contrato rematou o 25 de maio de 2020. O Executivo tivo tempo de abondo para preparar a documentación e para licitar unha nova concesión antes de esta caducar, caso de optarse polo modelo concesional, ou de dotar a EMVSA para que asumise a xestión directa, caso de optarse polo modelo que defende o BNG”. “Durante o pasado mandato choveron as críticas sobre o anterior Goberno Local por non ser capaz de prever a tempo a renovación das concesións e por condenar o Concello a situacións de interinidade dos contratos. Pois ben, con este Goberno Local repítese a historia”, analiza o voceiro nacionalista.
Jorquera critica que se decida a continuidade excepcional da concesión sobre de San Diego porque o Servizo de Deportes non tivese aínda preparada a documentación para unha nova licitación: “Isto mostra unha total falta de planificación”
Nesa mesma Xunta de Goberno Local, pormenoriza Jorquera, e tamén fóra da orde do día, o Executivo presidido por Inés Rey decidiu unha nova prórroga do contrato de mantemento de Parques e Xardíns, unha concesión licitada en 2017 e que conclúe en xuño deste ano. “Aquí tampouco se tivo a previsión de convocar un novo contrato con tempo suficiente para non se ver obrigados a prorrogar o servizo”, critica.
A opción pola xestión indirecta e conxunta de San Diego e Castrillón coñeceuna hoxe Jorquera durante a Comisión de Deportes.
“É unha decisión que en absoluto compartimos. Nun primeiro informe, EMVSA apostou claramente por asumir a xestión directa e conxunta de San Diego e Castrillón. O Goberno Local desoe ese informe e opta agora por manter un sistema concesional”, censura o portavoz nacionalista.
EMVSA deixou claro tamén nese informe que para asumir a xestión tiña que ir a unha ampliación de capital e así o aprobou nun consello de administración da empresa realizado en decembro pasado. O problema é que o Goberno Local nunca deu pasos para materializar esa ampliación. E de feito preguntado ao respecto por Jorquera no Pleno do pasado 6 de maio, o portavoz do executivo coruñés, José Manuel Lage, eludiu calquera referencia a ese asunto e limitouse a dicir que EMVSA estaba a rematar os últimos detalles das obras do Complexo Deportivo do Castrillón.
“Está claro que o Goberno Local nunca tivo vontade política de mobilizar o diñeiro preciso para a ampliación de capital de EMVSA, imprescindíbel para a xestión directa do Castrillón”, considera Jorquera.
No informe de EMVSA apuntábase que a xestión directa era a máis axeitada para o Castrillón porque este complexo dificilmente ía ser rentábel para unha concesionaria, a diferenza do que acontecería con San Diego.
“Non compartimos a filosofía de que se xestione directamente aquilo que dá perdas e se concesione o que dá lucros. Se se considera que os beneficios de San Diego poden enxugar as perdas de Castrillón, por que non se opta por que eses beneficios revertan no concello e non nas arcas dunha empresa privada?”, pregúntase Jorquera.