O BNG critica a obstinación do PP por manter as touradas
A Coruña, 9 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica a obstinación do Goberno do Sr. Negreira por manter as touradas na Coruña a pesar de que a licitación e explotación da feira taurina ficou deserta e a pesar do rexeitamento maioritario do pobo, despois de que a concelleira de Cultura anunciara hoxe que non vai haber feira taurina en agosto pero que o Goberno municipal volverá sacar a concurso as touradas de cara a outubro, en coincidencia coas festas do Rosario.
O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a deixar de prestarlle atención a esta actividade bárbara e sanguenta que nada ten a ver coa tradición cultural de Galiza e exíxelle que non volva subsidiar, nin directa nin indirectamente, con cartos públicos a feira taurina na Coruña, tal e como reclama a inmensa maioría dos coruñeses e coruñesas.
O BNG, contrario aos circos con animais
Pola outra banda, coincidindo coa instalación de circos na cidade da Coruña con motivo da temporada estival, o Grupo Municipal do BNG volve manifestar a súa postura contraria aos circos con animais, postura que ampara a Lei de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de 1983, que no seu artigo 5 sinala que se prohibe a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades que lles poidan ocasionar dano, sufrimento ou facelos obxecto de tratamento antinatural.
As nacionalistas advirten de que a vida dos animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio e salientan que as exhibicións de animais nos circos ofrécenlles ás crianzas unha mensaxe educativa negativa e distorsionada do que supón a fauna silvestre.