O Goberno do Sr. Negreira decidiu excluír o alumnado de Ciclos Superiores das bolsas ACORE

O Goberno do Sr. Negreira decidiu excluír o alumnado de Ciclos Superiores das bolsas ACORE

 

A Coruña, 8 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter coñecemento da resolución da Dirección do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) pola que se publican os listados da adxudicación inicial de subvencións das Accións de Mobilidade das Institucións de Educación Superior correspondentes á Convocatoria de Propostas do Programa Erasmus+ 2014. Nesta resolución figura o Concello da Coruña como un dos benificiarios da Acción clave 1 (KA 102) para titulados de FP de Grado medio. Porén, o Concello non aparece na Acción KA1 103 para ciclos formativos superiores e non aparece nin nas bolsas concedidas nin nas denegadas, posto que o Goberno do Sr. Negreira non as solicitou.

As nacionalistas sinalan que o proxecto ACORE estaba destinado até o momento a titulados superiores de ciclos de FP de Hostalería e Turismo, Comercio Internacional e Marketing e Administración e Finanzas e consistía na realización de prácticas formativas durante 6 meses en empresas do Reino Unido , Austria e Italia. Con todo, para a terceira edición da iniciativa, o Goberno do Sr. Negreira decidiu, de xeito unilateral e contra o parecer das comunidades educativas dos institutos afectados e do propio estudantado, excluír o alumnado de Ciclos Superiores e non lle solicitou á Unión Europea as axudas para a mobilidade de alumnado de ciclos de Grao Superior. Isto, advirte o BNG, provócalles un dano irreparábel a uns titulados que en xuño de 2015 non poderán incorporarse a unha empresa europea.

Ao Grupo Municipal do BNG resúltalle difícil entender as razóns desta exclusión, toda vez que o Concello solicitou e vai recibir unha cantidade importante de cartos públicos para 50 bolsas destinadas a alumnado de Ciclos de Grao Medio. De aí que o Bloque se pregunte que dificultade tiña o Goberno do PP para que os titulados de Ciclos Superiores puideran seguir mantendo as 30 bolsas e o alumnado de ciclo medio contase con 20 bolsas.

O BNG pediralle ao Goberno que rectifique o que cualifica de inxustiza

O Grupo Municipal do BNG xa presentara un rogo escrito no pleno do mes de xuño para evitar a exclusión do alumnado das titulacións superiores e anuncia que volverá dirixirse ao alcalde para que busque financiamento e resolva esta inxustiza de cara ao vindeiro curso. E é que a decisión do PP de deixar fóra das bolsas o estudantado de ciclos superiores provoca que as posibilidades deste alumnado de ampliar o seu currículum realizando o período de formación en centros de traballo nun país da UE sexan moi escasas.

O BNG lembra que o Concello da Coruña, a Deputación e o Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (AOPEE) financian este proxecto, que na actualidade consta de dúas convocatorias (unha primeira convocatoria de 15 bolsas para a realización de prácticas de maio a outubro de 2014 e unha segunda convocatoria doutras 15 bolsas para a realización de prácticas de novembro do 2014 a abril de 2015).

O Goberno do Sr. Negreira decidiu excluír o alumnado de Ciclos Superiores das bolsas ACORE