O BNG critica que o máximo logro da Smart City sexa unha web para seguir a cabalgata online
A Coruña, 29 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG ironiza coa presentación que fixo esta mañá o Goberno do Sr. Negreira da páxina web para a retransmisión online da cabalgata de reis denunciando que logo de milleiros e milleiros de euros públicos gastados na Smart City, o resultado da Coruña Matrix do Partido Popular para que a cidade estea comunicada co mundo é a proxección en directo da cabalgata de reis.
As nacionalistas advirten de que mentres o PP gasta cartos da Smart City para a retransmisión en directo da cabalgata de reis, case a totalidade da documentación administrativa do Concello, incluída a dos plenos e a das Xuntas de Goberno, segue a tramitarse en formato clásico de papel.
Pola outra banda, o Bloque insiste en denunciar o despropósito de dilapidar máis de 300.000 euros na cabalgata de reis, cantidade que mesmo recoñeceu o Goberno do Sr. Negreira.