O BNG critica que o Goberno municipal dilapide 72.500 euros en converter María Pita en Laponia
A Coruña, 18 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia un novo dispendio do Goberno do Sr. Negreira, que gastará 72.479 euros en instalar un poboado de Papa Noel na praza de María Pita, por conta do IMCE. Así, no ano 2012, o Goberno municipal gastará un total de 57.983,20 euros IVE incluído no 2012 e no 2013, 14.495,80 euros, IVE incluído.
Segundo os prego e as prescricións técnicas, o poboado ocupará un mínimo de 200 m2 na praza desde o 1 de decembro ao 2 de xaneiro e contará con casetas, árbores e figuras do nadal. Todo el entorno estará integrado en un paisaje navideño con aspecto de Laponia..., sinala o IMCE no prego de condicións. Engade que la decoración del poblado deberá contener el escudo municipal. Su estética deberá ajustarse a las indicaciones señaladas por el IMCE, que la supervisará en todo momento.
Os nacionalistas consideran un dispendio e un erro gastar 72.479 euros en converter a praza de María Pita en Laponia. Pregúntase o Grupo Municipal do BNG onde queda a austeridade do Sr. Negreira, que non ten reparos en malgastar cartos públicos en adornos de Nadal cando as persoas dependentes teñen que sufrir o copago en axuda a domicilio, cando hai 22.590 persoas en situación de desemprego e cando todos os coruñeses e coruñesas sofren os graves recortes impostos polo PP, como a suba do IRPF, do IVE, do IBI ou do bus ou o copago nos medicamentos.
O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira continúe no camiño equivocado, despois de que no último modificativo de crédito non dedicara nin un só euro en políticas para fomentar a creación do emprego e se afanase en gastar un millón e medio de euros nas festas de María Pita e nunha regata de veleiros de 3 días. Engaden os nacionalistas o medio millón gastado polo Goberno municipal nun partido amigábel de baloncesto.
Quizais, o que pretende o Sr. Negreira é enviar os 22.590 desempregados e desempregadas da cidade a Laponia, como recomendaba un alto cargo da CEOE cando o PP tramitaba a reforma laboral, unha reforma aplaudida, precisamente, pola patronal.