Batería de preguntas ao Goberno Local sobre o mal funcionamento da nova aplicación da ORA
En concreto, Veira inquire o Goberno Local sobre se recibiu queixas de usuarios a respecto dos erros que dá a nova aplicación e se coñece os casos de sancións impostas a persoas que tentaron realizar o pagamento da ORA e non o puideron realizar por fallos no sistema.
Entre os erros da nova aplicación de que ten constancia o grupo municipal do BNG, por terlle sido reportados por usuarias da aplicación, figura o feito de que a algunhas persoas non lle ten sido traspasado o saldo da aplicación da vella á nova.
“Ademais”, indica Avia Veira no texto desta iniciativa, “téñennos chegado ao grupo municipal do BNG queixas sobre outra problemática en relación a que a empresa adxudicataria da ORA, Setex Aparki, está a xestionar mal e lentamente a tramitación das tarxetas de residente”.
Sobre esta última cuestión interésase Avia Veira nas súas preguntas por escrito ao Goberno Local. A maiores, a concelleira nacionalista insta o Executivo coruñés a que esixa da empresa concesionaria “que asuma os custes de ofrecer un mal servizo”. “Non pode ser que as que paguen a factura do deficiente funcionamento da aplicación sexan as persoas usuarias”, subliña.
En definitiva, Avia Veira anima o Goberno Local a que adopte medidas para “garantir os dereitos das persoas usuarias do aparcamento regulado na nosa cidade”, lesionados polo mal funcionamento desta aplicación.