O BNG chama a amosar unha actitude de tolerancia cero contra o silencio da violencia de xénero

O BNG chama a amosar unha actitude de tolerancia cero contra o silencio da violencia de xénero

A Coruña, 5 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña convocou para esta tarde, a partir das 20h, unha marcha desde o Obelisco até o Campo de Marte onde esperarán as activistas de VelaLuz, que queren denunciar a violencia contra a muller e o sistema patriarcal.

As nacionalistas, entre as que se atoparán cargos orgánicos e institucionais do BNG, farán un chamamento ao pobo a que manifeste publicamente o seu rexeitamento á violencia de xénero, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes. "Queremos convidar a xente a mostrar unha actitude de tolerancia cero silencio, porque o silencio fainos cómplices e porque o machismo, mata!", sinala Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista.

Louro, que lerá, xunto con outras participantes, un manifesto ao remate do soterramento simbólico, pon de manifesto que "para rematar co terrorismo machista é fundamental o recoñecemento real do problema". De aí que sinale que "abonda xa de roles machistas na educación: non queremos subvencións para os centros que segregan por sexo porque o que realmente fan é perpetuar o sistema patriarca" e que "abonda xa de gobernos que toman decisións que agreden as mulleres: non queremos lei de familia, non queremos á red madre dentro do noso sistema público".

"Desde o BNG esiximos que se trate a violencia machista como o que realmente é: o principal problema político", afirma, "e para isto hai que tomar medidas que combatan o sistema patriarcal". Engade Vitoria Louro que "as mulleres só poderán ter unha vida digna se teñen autonomía para sair con garantías da situación de violencia. "Dende o BNG queremos berros e non silencio: queremos berros contra a normalidade que envolve o maltrato, queremos berros contra o terrorismo machista, igual que se berra contra o terrorismo bancario e capitalista, e queremos tamén rebeldía contra o machismo e contra o patriarcado, porque o patriarcado, o capitalismo e o machismo, matan mulleres a diario", salienta.

As nacionalistas percorrerán as rúas do centro co cadaleito do terrorismo machista

O acto consistirá nun soterramento simbólico do terrorismo machista, unha mobilización que partirá ás 20h do Obelisco e que pasará pola rúa Real, Bailén, San Nicolás, Panadeiras, o Campo da Leña e pola rúa da Torre, até chegar ao Campo de Marte, onde a comitiva deste enterro será recibida pola asociación VelaLuz.

 

O BNG chama a amosar unha actitude de tolerancia cero contra o silencio da violencia de xénero