Apoiamos a concentración das e dos traballadores da refinaría ante o ERTE de Repsol
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, e tres integrantes do grupo parlamentar nacionalista –Mercedes Queixas, Daniel Pérez e Ramón Fernández Alfonzo ‘Mon’- estiveron presentes esta tarde na concentración convocada por traballadoras e traballadores da refinaría contra o ERTE que Repsol quere aplicar a un terzo do cadro de persoal da planta.
09 abr. 2021 - 18:44
O BNG comparte a preocupación das e dos traballadores perante unha decisión empresarial que claramente, e á vista dos beneficios da compañía obtidos mesmo en plena pandemia, non ten ningunha xustificación obxectiva e que lesiona gravemente os dereitos das e dos operarios.

Alén de participar na concentración que tivo lugar esta tarde diante da refinaría, o BNG vai levar este asunto ao Congreso dos Deputados e desde logo tamén vai demandar explicacións á Xunta da Galiza, sendo que a administración galega ten atribuídas as competencias en materia de política industrial.