UNHA MEDIDA QUE O BNG VIÑA RECLAMANDO CON INSISTENCIA DESDE HAI SEMANAS
O BNG celebra que o Concello tomase a decisión de intervir a planta de Nostián
Este mesmo luns, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, afirmou nun debate na Radio Galega que, unha vez que Albada notificara o ERTE ao cadro de persoal, xa se daban todas as condicións para o concello intervir a planta en aplicación do prego de condicións. O Concello non podía ficar de brazos cruzados perante este ataque aos dereitos das traballadoras e os traballadores e ante a constatación de que a empresa ten a determinación de a partir do 1 de xaneiro deixar de prestar servizos aos concellos do Consorcio das Mariñas. "Xa non estamos ante anuncios. Estamos ante feitos. E ante estes feitos o Concello debe reaxir", afirmou Jorquera.
"A intervención é a solución que o BNG viña demandando desde hai semanas, como a viñan demandando tamén as e os traballadores da planta, en folga desde hai unha semana e a quen, reiterámolo, trasladamos a nosa solidariedade", di o portavoz nacionalista, para quen é "imprescindíbel" que "ante prácticas chantaxistas" de empresas que "vampirizan servizos públicos esenciais" o Concello teña unha posición de firmeza.
"Esperamos que a decisión tomada hoxe marque unha liña de actuación por parte do Goberno Local perante este tipo de prácticas", concluíu Joquera.