NOVA XUNTA DE PORTAVOCES MONOGRÁFICA SOBRE A CRISE DO CORONAVIRUS
O BNG apoia o novo calendario fiscal e propón que se estuden exencións para colectivos vulnerábeis
Así o indicou o portavoz nacionalista Francisco Jorquera durante a nova reunión monográfica que sobre a crise do coronavirus realizou hoxe a Xunta de Portavoces.
"Vemos ben a prórroga, como tamén a aplicación de medidas complementares a futuro, entre elas a exención e rebaixas de taxas e impostos para os colectivos sociais que máis poden sufrir as secuelas socioeconómicas desta emerxencia sanitaria", afirma Francisco Jorquera.
A crise vai levar aparellada unha profunda caída da actividade económica, polo que o BNG considera fundamental que a administración local se libere dos atrancos que nos últimos tempos ten condicionado a súa resposta fronte a situacións recesivas. "Insistimos nestas reunións da Xunta de Portavoces en que desde o Concello se demande a eliminación urxente da regra de gasto, ben como tamén como as restricións que pesan sobre os obxectivos de déficit e os límites de endebedamento, pois limitan gravemente a capacidade de investimento, de reforzamento dos servizos municipais e de contratación de persoal por parte das institucións locais", conclúe Jorquera.