O BNG amosa a súa total repulsa e condena ao novo ataque machista que tivo lugar na Coruña
A Coruña, 4 xaneiro de 2015- O BNG da Coruña amosa a súa total repulsa e condena a un novo ataque machista que tivo lugar esta fin de semana nunha vivenda da Avenida Finisterre, segundo informan hoxe os medios de comunicación. O BNG insiste en reclamarlle ao pobo tolerancia cero coa violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre homes e mulleres e salienta que é indispensábel que a loita contra a violencia machista sexa considerada un asunto prioritario nas axendas políticas.
As nacionalistas reivindican, máis unha vez, adoptar medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres e solicitan todos os medios axeitados para combater unha das maiores lacras que sufrimos a día de hoxe. O BNG seguirá a demandar, en todas as instancias das que forma parte, unha aposta decidida por políticas que conduzan a unha transformación social radical que consiga pór en cuestión as relacións de dominio e que combata un patriarcado que se está a reforzar cada día.