O BNG alerta do incremento do cadro de persoal do Concello pola porta de atrás
A Coruña, 7 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG alerta de que as présas do Goberno Local por colocar os seus nas Xefaturas de Servizo a través do procedemento de libre designación conlevará un incremento da plantilla do Concello da Coruña pola porta de atrás.
Un incremento da plantilla motivada polo feito de que, logo da entrada en vigor da nova Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa, estas persoas funcionarias cesadas quedarán no Concello da Coruña.
E é que coa nova lei, que está a piques de finalizar a súa tramitación parlamentaria, se reforma o Estatuto Básico do Empregado Público en todo o relativo ao réxime aplicábel ao cese dos funcionarios de carreira que tivesen obtido un posto de traballo polo procedemento de libre designación noutra Administración Pública con anterioridade á entrada en vigor desta lei. Este proxecto de lei modifica o Estatuto Básico do Empregado Público para incluír unha disposición transitoria novena, que é a que vai permitir que aqueles funcionarios procedentes doutras Administracións que, antes da entrada en vigor desta reforma, entren no Concello da Coruña poidan quedar aquí para sempre como funcionarios, logo do seu cese como persoal designado polo procedemento de libre designación.