O BNG alegou contra o PEPRI por nin sequera citar un centro cívico para a Cidade Vella
A Coruña, 7 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que presentou alegacións contra o PEPRI, entre outras cuestións, porque o Plan do Partido Popular non mencionaba sequera a dotación dun centro cívico para a Cidade Vella, malia tratarse dunha necesidade moi reivindicada pola veciñanza, nomeadamente pola asociación veciñal. Así, as nacionalistas reclamaran nas súas alegacións ao PEPRI que se dotase o barrio dun centro cívico, tal e como recollera o BNG no programa electoral a instancias das propias veciñas.
Precisamente, o documento de revisión do PEPRI recoñecía a falta de dotacións sociais no barrio: "en canto ás dotacións a nivel local, o ámbito está altamente dotado no aspecto cultural deste tipo de dotacións (museos, salas de exposicións, teatros...) pero non tanto no aspecto social", citaba, expresamente, o documento. Por iso, o BNG subliñara nas alegacións que, malia este recoñecemento expreso, o documento nin sequera citaba en ningunha parte do seu contido a dotación para a Cidade Vella dun centro cívico.
O BNG négase a participar nos actos relixiosos do Día do Rosario
Ao igual que aconteceu na xornada da función do voto, o Grupo Municipal do BNG non participou esta mañá nos actos relixiosos do Día do Rosario, na medida en que a aconfesionalidade do Estado español ten que implicar a súa neutralidade. Salienta o BNG que os poderes públicos deben respectar as crenzas e as celebracións relixiosas da cidadanía, pero non poden participar nelas para garantir o principio de igualdade.
Neste sentido, as nacionalistas opóñense a que os lexítimos representantes da cidadanía da Coruña vulneren a aconfesionalidade dos poderes públicos, que teñen que ser neutrais. E é que representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas, que deben ser tratados exactamente igual.
Así, o Grupo Municipal do BNG, que respecta as crenzas de cadaquén, esíxelle ao Sr. Negreira que garanta a legalidade e o principio de igualdade entre a cidadanía. O alcalde debería saber que a relixión pertence ao ámbito das crenzas persoas e que debe practicarse na contorna íntima da persoa.