O BNG advirte de que a previsión de ingresos por subvención do estado do bus en 2014 é irreal
A Coruña, 19 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a corrixir nos orzamentos municipais de 2014 a previsión de ingresos por subvención do Estado ao servizo de transporte colectivo urbano, unha previsión que acada os 1.500.000 euros. Trátase dunha cifra irreal se atendemos ao histórico de subvencións estatais ao bus, que se están reducindo co paso dos anos. Mentres no 2010, o Concello recibiu 2.093.748,74 euros do Estado para o autobús; en 2011, a cantidade reduciuse a 1.934.824,44 euros, en 2012, o recorte era aínda maior, con 1.423.688,18 euros e no 2013, recibe só 1.217.253,08 euros.
Xa o pasado ano, unha vez tivo coñecemento das subvencións recibidas no 2012, 1.423.688,18 euros, o BNG instara o Goberno municipal a modificar a previsión de ingresos por subvención do Estado ao bus nos orzamentos de 2013, xa que o Goberno do Sr. Negreira prevía ingresar 1.900.000 euros.
O BNG denuncia que as previsións de subvencións municipais á Compañía de Tranvías tamén son ficticias
As previsións irreais do Partido Popular tamén se reflicten no capítulo de transferencias correntes dos orzamentos municipais no que respecta á subvención á Compañía de Tranvías. De feito, o BNG xa lle pediu ao Goberno do Sr. Negreira que revise os 7,5 millóns consignados nos orzamentos de 2014 para a Compañía de Tranvías, unha cantidade escasa. O propio interventor do Concello advertiu até en dúas ocasións de que os 7,5 millóns consignados nas contas de 2014 para a Compañía de Tranvías son insuficientes.
O Bloque pon de manifesto que a falta de previsión do Goberno do PP xa o levou no 2012 a orzar 6.000.000 euros para as subvencións da Compañía de Tranvías, unha cantidade que tivo que completar con 2.746.106,5 euros para poder pagarlle á empresa os 8,74 millóns no 2012 (últimos datos dispoñíbeis antes de coñecer o montante total das subvencións do 2013).
O BNG insiste en reclamar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías
O BNG pon de manifesto que a revisión da concesión da Compañía de Tranvías é a única solución para rematar con esta tragadeira de cartos públicos que só favorece os intereses económicos da empresa. Mentres non se revise a concesión, seguirán a aumentar tanto as subvencións municipais á Compañía de Tranvías, que está a enriquecerse por conta do pobo, como o prezo dos billetes, dada a fórmula polinómica coa que se calculan as tarifas.