O BNG advirte de que o PP aprobou a lei que aplica as quitas ás preferentes
A Coruña, 8 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG deu o seu apoio á moción presentada por Esquerda Unida-Os Verdes e consesuada coas nacionalistas e coa plataforma de estafadas polas preferentes. Na súa intervención, a concelleira María Xosé Bravo sinalou que o BNG fixo súa a moción porque así llo pediron as persoas aforradoras e advertiu de que as nacionalistas xa reclamaran modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de restruturación e resolución de entidades de crédito, a normativa que permite as quitas. Solicitárano aínda no pasado Pleno ordinario de febreiro, coa negativa do Partido Popular, que insistía na mentira, dicíndolles ás persoas aforradoras que non estarían afectadas polas quitas. Ademais, Bravo lembrou que a comercialización das preferentes está amparada na Lei 19/2003, aprobada polo Goberno de Aznar.
A concelleira do BNG pediulle ao Goberno municipal que o apoio á moción non for un brinde ao sol, dados os antecedentes do Partido Popular. Aproveitou Bravo para cargar contra o PP e o PSOE que axudaron con cartos públicos á banca mentres lles roubaba cartos ás persoas aforradoras. Así, o BNG amosou o seu rexeitamento máis profundo á decisión do goberno do PP, que impuxo unha quita de até un 43% do valor das preferentes, un roubo a máis de 62.000 familias deste país.
Bravo salientou que o BNG denunciou sempre a colaboración e vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta das entidades financeiras e sinalou que as nacionalistas seguirán a defender na rúa e nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros. A única solución que contempla o BNG pasa pola devolución íntegra dos cartos, en liquidez, e non en produtos financeiros. Precisamente, esta mañá, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, anunciou a presentación dunha Proposición de lei ao fin de modificar a normativa 9/2012 que legaliza as quitas.
A moción pide a devolución do 100% dos aforros, que non se contemplen as quitas e que non se aplique o aumento de taxas xudiciais aprobadas polo PP
A iniciativa, aprobada por unanimidade, expresa a solidariedade do Pleno con todas as afectadas polos produtos tóxicos bancarios como preferentes e subordinadas; esixe a devolución do 100% de todos os diñeiros depositados polos aforradores, como dos intereses deixados de percibir polos produtos tóxicos, e tamén esixe que non se apliquen quitas nin os trocos obrigados ás persoas aforradoras, e dicir, non quitarlles parte dos seus aforros e non canxealos por produtos de gran risco e volatilidade.
Ademais, esixe que non se aplique o aumento das taxas xudiciais estabelecido no último decreto-Lei do Ministerio de Xustiza, con carácter rectroactivo para as posíbeis demandas das afectadas aforradoras minoristas contra as entidades bancarias que venderon os produtos de Participacións Preferentes e Obrigacións Subordinadas, así como que se aceleren os procesos xudiciais todo o posible. E por último, insta a que se e incremente o ritmo das arbitraxes, así como que se amplíe a transparencia no seu desenvolvemento.
O PP tomba as tres mocións do BNG
Pola outra banda, as nacionalistas lamentan que o Partido Popular nin sequera permitira debater as mocións presentadas polo BNG. Nunha delas, as nacionalistas reclamaban que o Concello apoiase a banca ética, empregando os seus servizos financeiros, con especial prioridade de estabelecer depósitos neste tipo de banca, e para que se fixese socio e cliente da banca ética galega, e como tal, abrise unha conta corrente destinada á xestión de partidas de obxectivos sociais.
Tamén pedía o BNG que o Concello da Coruña impulsase a cultura galega, retomase o Achegarte, que a programación municipal axudase a consolidar a cultura máis puxante que neste momento Galiza está a producir e que o Concello contratase creadoras e artistas galegas.
Noutra moción, o BNG reclamaba retirar o anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade da administración local, a supresión das deputacións, un plan de financiamento dos Concellos que permitise financiar os servizos públicos municipais e unha reforma do réxime local que adapte o mapa local á realidade de cada territorio.
O BNG lamenta que o Goberno municipal non cambiara de criterio e manteña a denominación Paseo Marítimo Francisco Vázquez
Por último, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira non cambiara de criterio e manteña a denominación Paseo Marítimo Francisco Vázquez. Lembran as nacionalistas que no Pleno de 16 de xaneiro de 2012 reclamaron a supresión do nome do ex alcalde ao paseo marítimo, proposta rexeitada polo Partido Popular.