O BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira negociou ás agachadas con Albada
A Coruña, 2 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que mentres o Goberno do Sr. Negreira tombaba as reclamacións de veciños e de veciñas da Coruña á ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos co fin de que se pague polo que realmente se recicla na planta de Nostián, negociaba con Albada para que esta obtivese máis beneficios tratando menos lixo.
O Bloque insiste en que a relación de tramos aprobada o pasado venres en Xunta de Goberno Local en que se estabalece o canon que o Concello terá de pagar por cada unha das tonelaxes que entran na planta de tratamento de residuos de Nostián só beneficia a empresa. E é que, en virtude deste sistema de tramos, canta menos tonelaxe entre en Nostián, cantos menos residuos traten, máis beneficios obtén Albada e máis pagará o Concello. Ademais, o BNG insiste en que se trata dunha relación de tramos ilegal, pois modifica as condicións económicas da concesión.
O Grupo Municipal do BNG critica que estas condicións económicas máis favorábeis a favor da empresa foron negociadas ás escondidas con Albada cando o Goberno do Sr. Negreira botaba abaixo, no pleno do pasado 23 de decembro, as máis de trescentas reclamacións presentadas polo BNG de veciños e veciñas para que o pobo da Coruña pague en función do servizo recibido. Ao desestimar as reclamacións presentadas polo Bloque, o PP negouse a elaborar unha nova memoria económica-financeira que reparase sobre o custo da actividade do tratamento do lixo e que xustificase a contía da taxa proposta segundo o grao de tratamento realmente efectivo do lixo.