O BNG acusa o PP de perseguir os sectores máis débiles da cidade
A Coruña, 22 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Partido Popular de perseguir os sectores máis débiles da cidade. Ao acoso que veñen sufrindo as persoas que se dedican á venda ambulante, nomeadamente o colectivo de nixerianos, súmase agora á persecución das persoas que se ven na obriga de exercer a mendicidade. Segundo puido saber o BNG, o Goberno do Sr. Negreira incrementou as denuncias policiais aos indixentes desde o mes de setembro. O PP escúdase en que estas persoas, que se limitan a pedir nos semáforos e que venden panos de papeis, incumpren a ordenanza municipal de circulación e poñen en perigo a integridade física e mais a seguridade do tráfico rodado.
O BNG advírtelle ao Goberno municipal de que as políticas antisociais que practica o PP alí onde goberna, tamén na Coruña, avocan a xente a situacións extremas. O desmantelamento dos Servizos Sociais na Coruña tampouco axuda a paliar o drama cotiá que sofren as persoas excluídas. Sen ir máis lonxe, o PP conxelou a partida de emerxencia social nos orzamentos de 2014.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que se trata dunha situación estrutural que vai máis alá dunha acción puntual e que non require respostas só de emerxencia, senón de prevención. As nacionalistas consideran que cómpre darlle resposta ao problema tanto desde o punto de vista urxente como desde o traballo a longo prazo con políticas diferenciadas e de distintas administracións e en coordinación coa rede de entidades que prestan servizos ás persoas sen teito e sen vivenda. Dada a heteroxeneidade das persoas sen teito e sen vivenda, o Grupo Municipal do BNG aposta por un enfoque humano e personalizado para dar as respostas axeitadas. Neste sentido, afirman que cómpre ter presente a participación das propias persoas, con dereitos e autonomía, con capacidade para participar nas decisións que atinxan ás súas vidas.